Presentamos unha edición moi especial da derradeira novela de Rosalía de Castro. Publicada en Madrid en 1881, El primer loco (subtitulada “Cuento extraño”) desenvólvese no bosque que, en 1856, acollera o insólito Banquete democrático de Conxo, un espazo natural –e vital– que fascinaba á autora. A novela ergue unha dobre bandeira: por unha banda, a da dignidade humana; por outra, a defensa da paisaxe, da natureza.
O presente volume, publicado en coedición Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, reproduce fielmente aquela edición primeira e incorpora un magnífico estudo introdutorio, escrito polos especialistas María do Cebreiro Rábade Villar (Universidade de Santiago de Compostela) e Germán Labrador Méndez (Universidade de Princeton-New Yersey, un traballo que con seguridade sentará as bases e abrirá camiños para futuras e novas interpretacións da obra de Rosalía de Castro, en concreto na súa relación coa psiquiatría e tamén co espiritismo.
Un singular apéndice gráfico completa esta sedutora publicación: vinte fotografías de Denís Estévez que nos convidan a trazar unha reveladora viaxe sensorial polas sendas do histórico bosque do Banquete de Conxo e de El primer loco.