Shopping security
Pechos de clausura simple e complementos, encintados, encalados, e engadidos decorativos.
A arquitectura popular está considerada, e así é, como a arquitectura da
necesidade e da escaseza, ademais de anónima. Por esa razón a maioría dos
seus estudosos insisten en que todo canto elemento construtivo conforma as
súas realizacións está encamiñado a resolver problemas prácticos. Sen deixar
de ser certa esa percepción, nas construcións populares galegas, como tamén
nas doutros países, danse unha serie de aspectos dentro da elementalidade
das súas arcaicas, e mesmo primitivas e inxenuas, formas, que ademais de
resolver aquelas funcións de fasquía práctica, levan canda si ingredientes decorativos ou ornamentais. Non hai máis que reparar nos corredores e solainas
cos balaústres torneados de diferentes xeitos sexan en madeira ou en granito,
nas chemineas, nos remates das cubertas tanto das casas-vivenda como dos
hórreos, nos cataventos que enriquecen grandemente algunhas desas contrucións, nos valados que delimitan as parcelas, ou no cromatismo das portas
e fiestras nos muros da casa-vivenda. Todos eses elementos de arte popular
son feitos polo construtor anónimo, quen deixa sempre a súa pegada artesana
orixinal e creativa.
En Galicia, os membros do inesquecible Seminario de Estudos Galegos,
moi atentos e impostos nos movementos innovadores e nas correntes culturais do mundo, xa nas súas esculcas etnográficas iniciáticas, feitas con rigor e
amor ó país, tiñan reparado nalgún daqueles aspectos. Os nomes de Vicente
Risco, Florentino López Cuevillas, Xosé Ramón e Fernández-Oxea ou Xoaquín
Lorenzo, todos eles, por certo, fillos da patria ourensá, fixeron a súa descuberta e plasmáronos nos seus traballos tanto monográficos como de conxunto,
como o cimeiro tratado Etnografía. Cultura material do recordado Xoaquín
Lorenzo, “Xocas”. Dende entón fóronse facendo achegas, moi paseniñamente,
que os desenvolveron e completaron. Frescas aínda as tintas, temos que rexistrar nestes últimos anos a aparición de publicacións relacionadas co eido
da arquitectura popular, unhas delas que a contemplan en conxunto e outras
que atinxen a temas sectoriais como acontece cos libros recén postos ó dispor
do público interesado por estas cuestións como son As lareiras en Galicia,
da autoría dos arquitectos técnicos J. Astray, M. Beiroa e J. Villares, O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín na Terra de Soneira, do
etnógrafo X. Mª. Lema Suárez e Roberto Mouzo Bermúdez e Itinerarios de
arquitectura popular pola Terra Chá de Carme Pernas Bermúdez. De aí que
saudemos con ledicia a aparición do libro que temos nas mans, Arquitectura
popular ourensá. Pechos de clausura simple e complementos. Encintados,
encalados e engadidos decorativos realizado por Tomás Vega Pato, estudoso
de vello de temas etnográficos, algún deles suxerido, como é o caso do presente, polo seu mestre e amigo Xaquín Lorenzo, a quen lle dedica o texto
co gallo de se conmemorar os cen anos do nacemento do gran arqueólogo e
etnógrafo de Lobeira.
Froito de demorados traballos de campo, nesta magnífica investigación,
o seu autor nos ofrece un cumprido e rigoroso estudo relacionado coas humildes obras artesanais dos pechos de clausura e dos seus complementos,
tanto dos realizados en madeira como en ferro nos obradoiros artesáns, e cos
encintados, encalados e engadidos decorativos, todos eles con funcións
ben definidas dentro dunha ornamentación primitiva.
Se ben os pechos de clausura podemos velos en todas as construcións
da arquitectura popular do noso país, e foron merecedores dunha certa
atención dende hai tempo, non ocorre o mesmo cos comunmente coñecidos como encintados, de longa tradición en moitos paises europeos, xa
presentes nas obras italianas do medievo coa técnica dos grotescos e moi
evidentes, aínda hoxe, nos esgrafiados da arquitectura catalá. Así como
os primeiros están presentes por todo o país, a existencia dos segundos
adquiren relevancia e acadan personalidade propia nas terras luguesas do
sur –como testemuña o estudo Debuxo e ornamentación na arquitectura
do sur da provincia de Lugo, realizado no 1991 polo arquitecto P. Lizancos coa colaboración dunha serie de especialistas, nos concellos de Sober,
Monforte de Lemos e Pobra de Brollón–, ou por toda a xeografía da demarcación provincial de Ourense, con máis presencia nas zonas de val que de
montaña.
O libro que concita a nosa atención afonda, logo de pescudas laboriosas,
no estudo de ambos elementos construtivos. Nel contense un intenso traballo
de campo e de gabinete no que se recollen uns aspectos existentes nas creacións construtivas levadas a cabo ó longo do tempo polo pobo galego, hoxe
moi degradadas, desvirtuadas e en perigo certo de desaparición. Este profuso
traballo, que constitúe unha achega do maior interese, iniciouno o seu autor
no ano 1980 e, logo de percorrer detidamente numerosas entidades poboacionais das máis de 4.000 que se integran na provincia ourensá, ofrécenos un estudo que abrangue numerosas fotografías, bocetos e deseños, figuras e cadros
tipolóxicos, que dan orixe a un nutrido banco de datos, acompañado dunha
clasificación dos tipos estudados e co desexo de lograr una normalización do
léxico empregado nas dúas materias. Dese xeito, o seu autor denomina o traballo como manual-inventario e de certo que ese empeño lógrao de vez.
Saúdo, xa que logo, con ledicia, este galano co que, para conmemorar o
centenario do nacemento do mestre Xoaquín Lorenzo, nos ven de agasallar
Tomás Vega Pato e, asemade, agradecer a confianza que depositou en min
para inicialo con estas breves liñas na publicación que promove a Deputación
de Ourense.
Só desexo que este exemplar e exhaustivo traballo sirva de estímulo para
que se prosiga a afondar no mellor coñecemento do amplo universo que
conforma a arquitectura popular, así como na preservación, ata onde sexa
posible, dun dos máis senlleiros sinais que nos identifican ós galegos dende
tempos seculares como un pobo con personalidade propia.
Manuel Caamaño Suárez
A Coruña, 20 de maio de 2007
ÍNDICE
____
Editorial: Deputación de Ourense 09-2007
Idioma: Galego
Páxinas: 392
ARQUITECTURA POPULAR
OURENSE
Ships within 48 hours · Estimated delivery Jun 23 - Jun 28
US$40
Get nowSign up to your membership to get coupons up to
15%
Get nowOpportunity to enjoy order discount up to 15% off
Top-Converting Item to Boost Your Average Order